A miña achega á orientación laboral é, sobre todo, nos campos da motivación, dinamización e adquisición de destrezas para enfrontarense a procesos de selección.
Na primeira sesión de cada curso sempre se me encolle o corazón vendo chegar a persoas derrotadas; mulleres e homes en idade de facer cousas fantásticas pero que están paralizados/as polo desánimo. Manter a autoestima? Moi difícil cando as mensaxes que lles chegan do seu entorno son: non sabes, non tes, non vales... Preciso axudarlles a entender que non teñen que sentirse avergoñados/as, o traballo é un dereito e non se mendiga, búscase con dignidade.
Como teño que romper as súas inercias, as miñas sesións tamén son diferentes; comezo xuntándoos ao meu lado e léndolles un conto que ten formato infantil, pero que encerra unha reflexión moi profunda e intelixente á que despois chegamos xuntos/as. A partir deste momento empezan a relaxarse algunhas tensións; danse conta de que as cousas poden ser diferentes, de feito, esa mañá xa o están sendo para eles e elas.
En canto aos procesos de selección, trato de que entendan que asumimos roles cada vez que interactuamos con outras persoas, por iso o importante é esforzarse en converterse nun/ha gran profesional e, sobre todo, convencerse de que é así.
Traballar neste campo axúdame a contribuír a crear xustiza social, e devolver algo da sorte que tiven de nacer e criarme onde o fixen. A sorte laboral hai que
buscala, pero hai persoas que se críanse en ambientes nos que só prenden trevos sen follas.